martes, 17 de marzo de 2026

8M: CHAPAS SOBRE AVENTUREIRAS FEMININAS

 


Durante o presente curso académico, o tema proposto pola nosa Biblioteca como punto de partida para promover e desenvolver actividades de lectura e investigación foi "Aventura e aventureiros/as". 

Apoiándonos nese tema, o noso alumnado de Voluntariado desenvolveu a biografía de mulleres aventureiras de diferentes épocas. Realmente non foi fácil escoller, porque o número de féminas que se alzaron contra os prexuízos da súa época e decidiron actura de forma libre segundo os seus propios principios vitais é moi ampla, pero finalmente foron seis as mulleres seleccionadas:

-Jeanne Barett, a primeira muller en dar a volta ao mundo en barco, pero vestida de home.

-Alexandra David Néel, a primeira muller en acceder á capital do Tibet, que tivo que entrar camufllada con roupas masculinas.

-Annie Londonderry, a primeira muller en dar a volta ao mundo en bicicleta vestida con pantanlóns e nun vehículo masculino.

-Delia Akeley, a primeira muller en percorrer soa e a pé o continente africano ignorando os perigos que a ameazaban no seu camiño.

-Mary Kingsley, que visitou tribos de caníbales para investigar os seus costumes e comportamentos.

-Alexandra Tinne, a primeira muller que cruzou  o deserto do Sahara.

Coa imaxe destas mulleres e coa axuda das nosas compañeiras Rocío, Elisa e Julia, membros do equipo da Biblioteca, os rapaces participantes na actividade crearon chapas para distribuír entre os membros da nosa comunidade educativa.


Realmente foi unha actividade ardua, porque resulta preciso aprender o proceso e aplicalo con precisión para que o resultado sexa correcto.


Pero todos e todas se aplicaron e remataron desenvolvendo un traballo moi aceptable



E moi ben recibido polos seus compañeiros e compañeiras!!!




sábado, 31 de enero de 2026

EXPOSICIÓNS NA BIBLIO: AS LAVANDEIRAS

 


 Como en anos precedentes, tamén durante o presente curso académico na nosa biblioteca expoñeremos diferentes actividades que son ou foron relevantes para a nosa comunidade educativa.

Un dos traballos de investigación mellor valorados durante o curso pasado foi o que desenvolveu o noso alumnado de PDC sobre o tradicional oficio das lavandeiras e o seu papel na economía familiar. Coordinados por Natalia Ogorodnikova, a súa profesora do Ámbito Lingüístico e membro do noso equipo de Biblioteca, os alumnos e alumnas encargáronse de buscar información sobre este oficio tan duro para descubrir cal era o proceso de lavado (recollida de roupa, transporte, proceso de lavado e devolución aos donos), as condicións de traballo das mulleres (porque eran maioritariamente mulleres) e os problemas de saúde que padecían (falta de seguridade laboral, gran esforzo físico, lesión nas mans e nas costas, doenzas pulmonares...) ou a sororidade (nos lavadoiros, as traballadoras compartían confidencias e trataban de axudarse e apoiarse).


Como culminación do seu labor investigador, o noso alumnado, guiado por membros da Agrupación das lavandeires de Sillobre,  desenvolveu o roteiro das lavandeiras de Sillobre.

Unha mostra do seu traballo e esforzo pode ser contemplado na nosa Biblioteca.   



martes, 23 de diciembre de 2025

AS MULLERES IMPORTANTES NA MIÑA VIDA

  Durante o presente curso académico, o alumnado de 4º de ESO desenvolveu unha breve (pero intensa) tarefa de investigación que tivo como finalidade a reivindicación de figuras femininas importantes no seu núcleo persoal e/ou familiar.

Para a nosa satisfacción, a maior parte dos nosos rapaces escolleron mulleres pertencentes ao seu núcleo familiar próximo (nais, avoas ou bisaboas) e destacaron nelas a súa infancia dura, o seu carácter loitador e, sobre todo, o seu espírito de superación ante as situacións adversas que lles presentou a vida. Son, ante todo, mulleres resilientes que deixaron unha fonda (e moi agarimosa) pegada entre os seus pequenos fillos, netos ou bisnetos.

Aquí temos unha pequena mostra dos traballos desenvoltos que falan de bisavoas:

 

 De avoas:

E 

E incluso de nais:

domingo, 30 de noviembre de 2025

25N: SEMPRE HAI SAÍDA

  O 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Coa intención de sensibilizar ao noso alumnado contra a violencia que moitas mulleres padecen en diferentes lugares do mundo desenvolvemos durante todo o día diferentes actividades en que participou toda a comunidade educativa. 

Comezamos recibindo a toda a comunidade educativa con decoración alusiva á xornada que estabamos celebrando.

25N: A OCA DO MACHISMO

 


 Coa axuda do noso grupo de Voluntariado da Biblioteca creamos a nosa particular versión da "Oca do machismo".

  Este xogo foi destinado a previr condutas machistas agresivas entre os nosos alumnos e promover o respecto e a igualdade entre homes e mulleres. 

  A nosa particular versión subsituíu as caixas tradicionais do xogo de mesa por situacións relacionadas con micromachismos ou directamente coa violencia machista. 

Así incluímos "caixas obstáculo", que obrigan a retroceder ou perder a quenda a quen caia nelas por incluír situacións que deberían ser eliminadas, como o respecto aos roles de xénero tradicionais, a violencia estética, as manifestacións de celos ou os intentos de control sobre a muller.

Estas "caixas obstáculo" compleméntanse coas "caixas de avance", que recollen mostras de igualdade e axudan a avanzar aos participantes porque aluden a condutas de igualdade relacionadas coa corresponsabolidade ou a resolución pacífica de contidos.

As caixas anteriores combínanse con "tarxetas de debate", que recollen preguntas para provocar a reflexión sobre prácticas relacionadas co machismo (ou o micromachismo)

martes, 24 de junio de 2025

LECTURAS EN FEMININO

 Coma todos os anos, tamén durante o presente curso académico unha gran parte das nosas lecturas foron escritas ou protagonizadas por mulleres. Puidemos coñecer así coñecer a vida de mulleres fortes que souberon loitar contra unha vida de maltrato (como a nai da protagonista en As mulleres que cultivaban néboas ou Luz en Golpes de luz), de rapazas capaces de enfrontarse a un pasado escuro para afrontar un presente complicado (como Janis en Os elefantes de Sokurov), de rapazas valentes e ousadas que tratan de fuxir dos perigos das redes sociais (como Betty en Redes) ou de nenas que maduran a partir de experiencias traumáticas (como Scoutt en Matar a un ruiseñor). Pero tamén de mulleres reprimidas polas súas preferencias sexuais (como Rosa en Contrapaso. La vida de los otros) ou de mulleres resilientes que deben alternar o mundo laboral co labor de coidadoras (como Xulia, en Golpes de luz). 

Moitas desas lecturas fixéronse nos diferentes Clubs de Lectura:










viernes, 13 de junio de 2025

A MULLER E A AUGA: AS LAVANDEIRAS EN GALICIA

 As lavandeiras eran mulleres que se dedicaban profesionalmente a lavar a roupa de familias ricas. O seu oficio permitíalles completar a economía familiar, pero era unha tarefa moi dura que se desenvolvía en condicións moitas veces desfavorables. Estas esforzadas mulleres traballaban á intemperie en inverno e en verán, sufrían os rigores climáticos e padecían moitas enfermidades relacionadas co seu labor: catarro, pneumonía, reuma... 

  A actividade de lavado requiría de varias etapas: a recollida da roupa e o transporte aos lavadoiros, o lavado, o secado e a devolución ás familias contratantes. Era un traballo moi esixente dende o punto de vista físico, porque estas pobres mulleres debían trasladar durante longas distancias e moitas veces sobre a cabeza, unha gran cantidade de roupa. Ademais tiñan que pasar moitas horas en pé lavando e tratando as pezas que posteriormente devolvían limpas e dobradas aos seus donos.

  Na comarca de Ferrolterra, eran famosas as lavandeiras de Sillobre, que viaxaban de Sillobre ao peirao de Perlío con enormes lotes de roupa sobre a cabeza. Alí collían a lancha que as trasladaba a Ferrol, lugar onde as contrataban as familias ricas para que lavaran a roupa sucia de toda a semana e a devolveran limpa.

   O noso alumnado de 4 PDC encargouse de desenvolver un traballo de investigación sobre o traballo das lavandeiras, cun resultado moi interesante.

   Comezaron a tarefa coa lectura de A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto.

     É este un libro-álbum que narra a historia dunha muller que se dedica a lavar a roupa dos presos políticos que vivían na illa de San Simón.

Tras unha breve análise sobre o contido do libro (traballaron sobre todo a situación política da España do momento), o alumnado centrouse en analizar a historia do oficio das lavandeiras.

Esta é unha mostra dos seus traballos:

A continuación, realizaron con dúas das súas profesoras un roteiro guiado por voluntarios sobre as Lavandeiras de Sillobre.

Foi esta unha actividade moi interesante para os nosos alumnos e alumnas, que puideron coñecer cal era o percorrido que facían as mulleres.


Visitaron diferentes lavadoiros e descubriron que, ademais de lugares de traballo, eran sitios onde as mulleres compartían noticias e confidencias.



Tamén aprenderon en que consistía ese duro traballo: o lavado, o clareo (exposición da roupa ao sol para conseguir eliminar manchas das prendas brancas), a bogada (ou proceso de fervedura da roupa con cinza e xabón para mellorar a hixiene)... E descubriron como se facía o xabón.



Co tempo, as mulleres organizáronse laboralmente e conseguiron os seus propios carnés de traballadoras.




Despois desta fantástica xornada, despedíronnos coa degustación dun rico biscoito.



Para finalizar o traballo, o alumnado gravou un podcast coas conclusións do seu traballo: Podcast sobre as lavandeiras.