martes, 30 de junio de 2026

DEBATENDO ENTRE MULLERES: CAMPIOAS DA LIGA ESCOLAR DE DEBATE

 

No presente curso académico convocouse a I Liga de debate escolar, dirixida a reforzar as actuacións que se desenvolven nos centros educativos en relación co traballo da competencia en comunicación lingüística. Dado que a preparación para o debate require o exercicio activo da tanto da comprensión como da expresión oral e escrita, consideramos esta experiencia de grande utilidade para a formación integral do noso alumnado.

   Con intención de aproveitar a proposta, un equipo de tres docentes (Carme, Raquel e Lola) xuntáronse para traballar cun equipo de esforzadas alumnas (Inés, Martina, Lada, Mariana, Carme e Sara) e preparar así a súa participación na xa mencionada Liga de debate.

    Foron xornadas intensas destinadas a investigar, reflexionar, crear argumentos e aprender a defendelos. Todas se dedicaron con ilusión á ardua tarefa da persuasión.

     E os seus esforzos foron premiados coa obtención do primeiro posto!!!

     Bravísimas as discentes e as súas profesoras!!!

    

domingo, 28 de junio de 2026

AS MULLERES E A AVENTURA

   


   Ao longo da historias foron moitas as mulleres fortes, intrépidas e valentes que desafiaron as normas sociais da súa época para lanzarse a explorar o descoñecido. Estas féminas foron pioneiras, inspiraron a xeracións futuras a descubrir o mundo e mostaron que a aventura non ten límites.

   Con intención de amosarlle ao noso alumnado que é posible loitar contra os estereotipos, durante o presente curso académico investigamos a vida de mulleres que demostraron o xénero non debe restrinxir a curiosidade, a bravura e o afán de superación.

    Aquí temos unha mostra dos traballos dos nosos rapaces e rapazas de 4º de ESO:

Exeria, unha das primeiras peregrinas da historia, autora dun Libro de viaxes e de posible orixe galega.


Fanny Bullock, xeógrafa, cartógrafa, exploradora e unha das primeiras mulleres alpinistas.


Isabel de Urquiola, brava viaxeira que percorreu o mundo co seu amado e a súa irmá.


Ingrid Christensen, primeira muller en pisar a Antártida.


Karen Blixen que traballou arreo para sacar adiante a súa plantación en Kenia antes de volver á súa Dinamarca natal.


Ou a recentemente falecida Jane Goodall, famosa primatóloga británica que loitou polo concienciar sobre a importancia de coidar o planeta e respectar a todos os seres vivos.


sábado, 27 de junio de 2026

A MULLER NO TEATRO: LA CASA DE BERNARDA ALBA

 


 Hai dous anos creamos un grupo de teatro escolar con alumnado de 1º, 2º e 3º ESO. Esta iniciativa estaba destinada a integrar alumnos e alumnas con diferentes condicións e capacidades a través dunha actividade lúdica accesible para todos os participantes que fomentase a autoestima, a confianza, a cohesión social e, sobre todo, a autonomía persoal.

  O éxito desta proposta foi enorme e ao grupiño inicial foron sumándose pouco a pouco outros pequenos actores e actrices.

 Durante o presente curso académico a cantidade de candidatos e candidatas a formar parte do noso equipo de teatro foi tan grande que os coordinadores nos vimos na obriga de dividir o grupo inicial en dous subgrupos máis pequenos. Así, as rapazas maiores (de 3º ESO, 4º ESO e 1º de Bach) organizáronse para traballar textos dramáticos máis complexos e os pequenos (de 1º e 2º de ESO) ocupáronse de textos máis sinxelos, adaptados á súa idade.

 Tras unha reunión conxunta para tratar de escoller unha obra teatral que gustase á maioría, o grupo de maiores comezou o presente curso académico a lectura dramatizada de La casa de Bernarda Alba.



Foi unha actividade moi amena e satisfactoria tanto para as actrices como para as coordinadoras do grupo.


  As lecturas guiadas acompañáronse do visionado da actuación doutros grupos de teatro para apoiar a representación propia da obra lorquiana.


  E pouco a pouco as nosas actrices foron preparándose para a súa estrea.


Representación: La casa de Bernarda Alba


A MULLER NA LITERATURA: LECTURAS

 Coma todos os anos, tamén durante o presente curso académico unha gran parte das nosas lecturas foron escritas ou protagonizadas por mulleres. 

A través destas experiencias lectoras puidemos coñecer a vida de mulleres fortes e resilientes que souberon loitar para cambiar a súa situación vital  (como ocorre coas protagonistas de A trenza), e a de rapazas capaces de enfrontarse aos abusos machistas para afrontar un futuro menos escuro (como ocorre con Marina en Comerás flores), pero tamén a vida das que deciden deixar de loitar e son incapaces de superar o control das súa parella (como é o caso de Marina en Ninfa rota).






Asemade coñecemos os cambios nos dereitos femininos e a necesidade de loitar por acadar a liberdade para vivir unha existencia plena en novelas como Persépole.


Tamén analizamos a evolución do papel da muller na sociedade ao longo da historia en novelas como Memoria para Xoana ou a necesidade de coidar e ser coidados a través de narracións como Las gratitudes.


Ademais soubemos recapacitar sobre o papel da enfermidade mental na vida das mulleres no pasado e no presente (O corpo de Cristo) e sobre o papel do mundo virtual no mundo dos rapaces máis novos (en Wombo combo)


Por último, puidemos reflexionar sobre a situación laboral feminina en épocas pasadas e tamén sobre como esas traballadoras valentes souberon loitar en silencio para mellorar a situación dos máis desfavorecidos 
(en A lavandeira de San Simónou sobre como a traxedia dunhas poucas iniciou a loita por un traballo digno e a celebración do 8M (en Trampa de fuego). 











domingo, 21 de junio de 2026

A MULLER NO CINEMA: FILMES

 Coma todos os anos, tamén durante o presente curso académico unha parte dos filmes que vimos e comentamos no noso Cinefórum estiveron protagonizadas por mulleres. Nesta ocasión centrarémonos en tres películas: Annie Hall, La piel que habito e El viaje de Chihiro.  


Annie Hall serviunos para lembrar a Diane Keaton, que faleceu unhas semanas antes do noso visionado e posterior coloquio. A protagonista da película é a versión idealizada que nos proporcionou Woody Allen da propia actriz (que en realidade se chamaba Diane Hall) e o seu papel será profundamente lembrado polo carácter neurótico e entrañable pero, sobre todo, pola impronta persoal que soubo aportarlle a propia Keaton a unha protagonista feminina libre e valente que mesmo marcou tendencia na moda do momento (traxes masculinos con chaleco, gravata e chapeu).


O visionado de La piel que habito permitiunos tomar contacto cunha das meirandes obsesións do seu director: a construción artificial do xénero. 


Acompañados de Vera, a protagonista, que sofre unha transición de xénero forzada, descubrimos a necesidade  de loitar para coller as rendas do propio destino e loitar pola liberdade persoal para opoñerse a unha realidade eminentemente patriarcal.

  Tamén resultou profundamente satisfactoria a análise de El viaje de Chihiro, que foi a opción fílmica que escolleron durante o presente curso académico os nosos participantes no Club de manga.



  Esta película, que ten como protagonista a unha nena de dez anos, serve para narrar o avancé á madurez descubrindo no camiño valor da amizade, do sacrificio e da humildade.



domingo, 31 de mayo de 2026

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: SACAMOS A LITERATURA AOS CORREDORES

 Coa axuda dos nosos Correspondentes, sacamos aos corredores os carteis que enviou a Consellería de Educación sobre a autora homenaxeada este ano polas Letras galegas: Begoña Caamaño.


   Esta escritora e periodista foi coñecida por reintepretar de forma maxistral os mitos clásicos e artúricos, outorgando un especial protagonismo ás mulleres.

   Coa exposición dos carteis que proporcionan información sobre a súa vida e a súa obra, o noso alumnado poderá desenvolver diferentes acitivades para reivindicar o labor trascendental desta gran autora e defensora da lingua e cultura galegas.


DÍA DAS LETRAS: REIVINDICACIÓN DA OBRA DE BEGOÑA CAAMAÑO

 


Con intención de reivindicar a obra de Begoña Caamaño, a autora das Letras Galegas no ano 2026, a nosa compañeira Raquel, colaboradora no equipo da biblitoteca, reuniu a un grupo de alumnas de 4 de ESO e 1º de Bacharelato para analizar de xeito conxunto a novela da autora de Vigo Morgana en Esmelle

Nesta novela, Begoña Caamaño emprega o mito artúrico para apuxar aos seus lectores a reflexionar sobre a culpa, a sororidade e o peso do patriarcado na vida das mulleres. O argumento parece simple: Morgana chega a Esmelle na procura de respostas sobre a súa inmensa infelicidade. A través das súas lembranzas, conseguimos tecer as verdadeiras causas da caída de Camelot. 




Os participantes na xuntanza destacaron que, a pesar desa aparente simplicidade, a novela resultaba un tanto complicada debido ao seu léxico variado e riquísimo e, sobre todo, á mestura de voces narrativas, que aportan múltiples perspectivas, pero que por momentos dificultan a comprensión do texto.

No relativo ao tema, coa sabia axuda de Raquel, o alumnado puido reflexionar sobre diferentes cuestións: Como inflúe o patriarcado na existencia das mulleres? Resulta lícito esquecer as consecuencias dos nosos actos? Pode a culpa acompañarnos toda a vida? 

Foi moi interesante escoitar as conclusións dos nosos alumnos sobre a deconstrución do mito artúrico e sobre a nova visión que aporta Begoña Caamaño ao dar voz aos vencidos e esquecidos.

En resumo, unha actividade moi ben aproveitada!!!