Hai dous anos creamos un grupo de teatro escolar con alumnado de 1º, 2º e 3º ESO. Esta iniciativa estaba destinada a integrar alumnos e alumnas con diferentes condicións e capacidades a través dunha actividade lúdica accesible para todos os participantes que fomentase a autoestima, a confianza, a cohesión social e, sobre todo, a autonomía persoal.
O éxito desta proposta foi enorme e ao grupiño inicial foron sumándose pouco a pouco outros pequenos actores e actrices.
Durante o presente curso académico a cantidade de candidatos e candidatas a formar parte do noso equipo de teatro foi tan grande que os coordinadores nos vimos na obriga de dividir o grupo inicial en dous subgrupos máis pequenos. Así, as rapazas maiores (de 3º ESO, 4º ESO e 1º de Bach) organizáronse para traballar textos dramáticos máis complexos e os pequenos (de 1º e 2º de ESO) ocupáronse de textos máis sinxelos, adaptados á súa idade.
Tras unha reunión conxunta para tratar de escoller unha obra teatral que gustase á maioría, o grupo de maiores comezou o presente curso académico a lectura dramatizada de La casa de Bernarda Alba.
Foi unha actividade moi amena e satisfactoria tanto para as actrices como para as coordinadoras do grupo.
As lecturas guiadas acompañáronse do visionado da actuación doutros grupos de teatro para apoiar a representación propia da obra lorquiana.
E pouco a pouco as nosas actrices foron preparándose para a súa estrea.




.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario