Para acompañar o recitado do alumnado con motivo do Día de Rosalía, os nosos Correspondentes Xuvenís animaron ao profesorado do noso IES a contribuír coa lectura dramatizada de diferentes poemas da gran poeta galega.
Para celebrar o Día de Rosalía, o noso alumnado de Correspondentes Xuvenís converteuse en dinamizador cultural e percorreu o barrio animando aos veciños a recitar poemas da autora galega.
Con esta actividade, os nosos animosos rapaces pretenderon potenciar a participación cidadá na homenaxe á nosa autora máis universal e, sobre todo, achegar ao público xeral a obra rosaliana tratando de fomentar ao mesmo tempo o pracer pola lectura.
A pesar de que foi unha actividade moi ben organizada e cunha selección fantástica de poemas de diferente extension e dificultade, non resultou doado conseguir a colaboración de todos os que foron invitados a unirse á nosa celebración.
Non obstante, atopamos a varios lectores entusiastas que nos acompañaron amablemente na actividade, que nos animaron a continuar e que recibiron, por suposto, unha rosa como agasallo pola súa xentileza e cordialidade.
Con intención de celebrar o día de Rosalía, os nosos Correspondentes Xuvenís reuníronse na Biblioteca do insituto para recitar poemas da autora de Padrón e lembrar así con admiración, respecto e agarimo a figura da grande poeta galega.
A visita de Paula era agardada con moita impaciencia polo noso alumnado de 1º ESO. A autora, coñecida pola súa capacidade para conectar cos lectores máis novos, chegou ao noso instituto chea de enerxía e transformou unha xornada literaria nunha experiencia moi agradable para todos os participantes.
Tras unha divertida presentación da autora e da súa obra por parte de dous dos nosos alumnos, deu comezo a actividade.
Durante a primeira parte da sesión, Paula Carballeira reflexionou sobre o seu proceso creativo e as características definitorias das historias de terror. Coa súa orientación, o noso alumnado descubriu a importancia de explorar os medos universais e as vantaxes que ofrece a incorporaciòn de elementos macabros a situacións cotiás. Do mesmo xeito, os nosos lectores máis novos puideron reflexionar sobre a importancia de crear unha atmosfera angustiosa, manter o suspense ao longo da historia e conseguir un final contundente. As súas explicacións deron lugar a un debate breve e animado.
A escritora recibiu moitas preguntas sobre o seu traballo: por que decidira escribir historias de terror, cales foron as súas fontes de inspiraciòn, os nomes dos seus autores de terror favoritos, os títulos das súas historias preferidas... O alumnado tamén compartiu con Paula as actividades que realizou na aula despois de ler o seu libro: diarios de lectura, dramatizacións de historias e escritura de microrrelatos.
A contiuación, a autora pediulles aos nosos alumnos que escollesen as súas historias favoritas de Trece avisos e que xustificasen a súa elección. Animados pola Paula, incluso se atreveron a modificar parcialmente as narracións (engadindo ou eliminando personaxes, modificando o final ou engadindo novos elementos terroríficos).
Para concluír o día, Paula Carballeira, recoñecida tamén pola súa solida traxectoria como actriz, de teatro, fixo unha lectura dramatizada dunha das historias do seu libro. Esta representación teatral creou un ambiente de suspense moi especial que provocou que os nosos rapaces e as nosas rapazas gozasen intensamente de sorpresas e sobresaltos imprevistos.
A marabillosa Paula mostrounos que a literatura de terror mesmo pode dar risa....
Con motivo da celebración do 8M, as nosas compañeiras Carme e Raquel coordinaron ao alumnado de Correspontentes Xuvenís na organización dun faladoiro para reflexionar sobre a situación da muller no mundo.
Comezamos a reunión cunha pregunta moi concreta? Como é realmente a situación da muller na nosa sociedade? Que ocorre noutros lugares?
O alumnado participante na actividade considerou maioritaramente que na nosa sociedade a situación da muller mellorou enormemente con respecto ao que ocorría en épocas pasadas. Moitos se apoiaron en coñecementos adquiridos na materia de Historia, en lecturas ou en comentarios de nais, tías ou avoas para abordar cuestións como o acceso ao mercado laboral ou á posibilidade de actuar con autonomía e liberdade á hora de mercar un electrodoméstico, abrir unha conta de aforro ou viaxar.
Os alumnos e as alumnas non foron tan optimistas con respecto ás mulleres noutras culturas e/ou outras sociedades e denunciaron as limitacións no acceso á educación, os códigos de vestimenta restritivos, as leis desiguais en materia de violencia de xénero ou os matrimonios infantís.
No relativo á necesidade de seguir desenvolvendo accións destinadas a dar visibilidade ás desiguadades que aínda existen (incluso na nosa sociedade), as opinións foron variadas. Unha parte dos participantes considerou que este tipo de medidas é imprescindible para continuar avanzando na igualdade, pero outra parte defendeu a idea de que moitas destas iniciativas son inútiles e mesmo contraproducentes, porque as voces que se alzan para denunciar os supostos "privilexios" da muller son cada vez máis fortes e belixerantes.
Para finalizar, debatemos sobre se na actualidade empeza a detectarse un retroceso na igualdade entre rapaces rapazas en diferentes ámbitos (volta aos roles de xénero tradicionais, escolla de estudos ou aumento do control dos mozos cara ás mozas...). Os participantes no coloquio aseguraron que non aprecian ese tipo de situacións no seu devenir habitual.
Reealmente foi unha actividade intensa e cunhas reflexións moi ben argumentadas!!!
Para rematar coas celebracións relacionadas co 8M, dende a Biblioteca solicitamos a exposición "Mulleres investigadoras do Campus Industrial de Ferrol" coa intención de dar a coñecer ao noso alumnado o labor docente e investigador de varias figuras femininas no Campus da nosa cidade e, sobre todo, de espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nosas alumnas.
Coa intención de apoiarnos na nosa inquedanza, visitounos Lucía Santiago.