jueves, 2 de abril de 2026

8M: MULLERES NO CAMPUS DE FERROL

 


Para rematar coas celebracións relacionadas co 8M, dende a Biblioteca solicitamos a exposición "Mulleres investigadoras do Campus Industrial de Ferrol" coa intención de dar a coñecer ao noso alumnado o labor docente e investigador de varias figuras femininas no Campus da nosa cidade e, sobre todo, de espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nosas alumnas.

Coa intención de apoiarnos na nosa inquedanza, visitounos Lucía Santiago.


Esta novísima profesora e investigadora comezou a súa participacion falándonos da súa experiencia formativa e laboral como oceanógrafa. Insistiu no moito que lle gusta o seu traballo e nas interesantísimas saídas laborais que ofrece a súa especialidade. 


A continuación, presentounos brevemente o labor das súas compañeiras na universidade, facendo especial fincapé nos aspectos atractivos do seu labor: alta empleabilidade, relación coa innovación tecnolóxica, posibilidade de adicarse á investigación...

Realmente foi unha xornada interesante e ben aproveitada.      



sábado, 21 de marzo de 2026

8M: ESCAPE ROOM FEMININO

 Neste ano 2026 o Concello de Ferrol incorporou na súa programación institucional do 8M unha actividade de escape destinada tanto a fomentar a reflexión sobre a igualdade de xénero como a previr a violencia desde unha idade temperá.


  Así, mediante a resolución de enigmas e o traballo en equipo, o noso alumnado máis novo puido comprender as desigualdades sociais, económicas e laborais que padecen as mulleres na nosa sociedade.


  Tamén aprendeu a recoñecer as diversas manifestacións da violencia de xénero contra mulleres e nenas que é necesario erradicar.


Do mesmo xeito, reflexonou sobre a idea de que todos debemos ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades na vida.


  
 Unha actividade realmente moi entretida e ben aproveitada.


 

martes, 17 de marzo de 2026

8M: CHAPAS SOBRE AVENTUREIRAS FEMININAS

 


Durante o presente curso académico, o tema proposto pola nosa Biblioteca como punto de partida para promover e desenvolver actividades de lectura e investigación foi "Aventura e aventureiros/as". 

Apoiándonos nese tema, o noso alumnado de Voluntariado desenvolveu a biografía de mulleres aventureiras de diferentes épocas. Realmente non foi fácil escoller, porque o número de féminas que se alzaron contra os prexuízos da súa época e decidiron actura de forma libre segundo os seus propios principios vitais é moi ampla, pero finalmente foron seis as mulleres seleccionadas:

-Jeanne Barett, a primeira muller en dar a volta ao mundo en barco, pero vestida de home.

-Alexandra David Néel, a primeira muller en acceder á capital do Tibet, que tivo que entrar camufllada con roupas masculinas.

-Annie Londonderry, a primeira muller en dar a volta ao mundo en bicicleta vestida con pantanlóns e nun vehículo masculino.

-Delia Akeley, a primeira muller en percorrer soa e a pé o continente africano ignorando os perigos que a ameazaban no seu camiño.

-Mary Kingsley, que visitou tribos de caníbales para investigar os seus costumes e comportamentos.

-Alexandra Tinne, a primeira muller que cruzou  o deserto do Sahara.

Coa imaxe destas mulleres e coa axuda das nosas compañeiras Rocío, Elisa e Julia, membros do equipo da Biblioteca, os rapaces participantes na actividade crearon chapas para distribuír entre os membros da nosa comunidade educativa.


Realmente foi unha actividade ardua, porque resulta preciso aprender o proceso e aplicalo con precisión para que o resultado sexa correcto.


Pero todos e todas se aplicaron e remataron desenvolvendo un traballo moi aceptable



E moi ben recibido polos seus compañeiros e compañeiras!!!




sábado, 31 de enero de 2026

EXPOSICIÓNS NA BIBLIO: AS LAVANDEIRAS

 


 Como en anos precedentes, tamén durante o presente curso académico na nosa biblioteca expoñeremos diferentes actividades que son ou foron relevantes para a nosa comunidade educativa.

Un dos traballos de investigación mellor valorados durante o curso pasado foi o que desenvolveu o noso alumnado de PDC sobre o tradicional oficio das lavandeiras e o seu papel na economía familiar. Coordinados por Natalia Ogorodnikova, a súa profesora do Ámbito Lingüístico e membro do noso equipo de Biblioteca, os alumnos e alumnas encargáronse de buscar información sobre este oficio tan duro para descubrir cal era o proceso de lavado (recollida de roupa, transporte, proceso de lavado e devolución aos donos), as condicións de traballo das mulleres (porque eran maioritariamente mulleres) e os problemas de saúde que padecían (falta de seguridade laboral, gran esforzo físico, lesión nas mans e nas costas, doenzas pulmonares...) ou a sororidade (nos lavadoiros, as traballadoras compartían confidencias e trataban de axudarse e apoiarse).


Como culminación do seu labor investigador, o noso alumnado, guiado por membros da Agrupación das lavandeires de Sillobre,  desenvolveu o roteiro das lavandeiras de Sillobre.

Unha mostra do seu traballo e esforzo pode ser contemplado na nosa Biblioteca.   



martes, 23 de diciembre de 2025

AS MULLERES IMPORTANTES NA MIÑA VIDA

  Durante o presente curso académico, o alumnado de 4º de ESO desenvolveu unha breve (pero intensa) tarefa de investigación que tivo como finalidade a reivindicación de figuras femininas importantes no seu núcleo persoal e/ou familiar.

Para a nosa satisfacción, a maior parte dos nosos rapaces escolleron mulleres pertencentes ao seu núcleo familiar próximo (nais, avoas ou bisaboas) e destacaron nelas a súa infancia dura, o seu carácter loitador e, sobre todo, o seu espírito de superación ante as situacións adversas que lles presentou a vida. Son, ante todo, mulleres resilientes que deixaron unha fonda (e moi agarimosa) pegada entre os seus pequenos fillos, netos ou bisnetos.

Aquí temos unha pequena mostra dos traballos desenvoltos que falan de bisavoas:

 

 De avoas:

E 

E incluso de nais:

domingo, 30 de noviembre de 2025

25N: SEMPRE HAI SAÍDA

  O 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Coa intención de sensibilizar ao noso alumnado contra a violencia que moitas mulleres padecen en diferentes lugares do mundo desenvolvemos durante todo o día diferentes actividades en que participou toda a comunidade educativa. 

Comezamos recibindo a toda a comunidade educativa con decoración alusiva á xornada que estabamos celebrando.

25N: A OCA DO MACHISMO

 


 Coa axuda do noso grupo de Voluntariado da Biblioteca creamos a nosa particular versión da "Oca do machismo".

  Este xogo foi destinado a previr condutas machistas agresivas entre os nosos alumnos e promover o respecto e a igualdade entre homes e mulleres. 

  A nosa particular versión subsituíu as caixas tradicionais do xogo de mesa por situacións relacionadas con micromachismos ou directamente coa violencia machista. 

Así incluímos "caixas obstáculo", que obrigan a retroceder ou perder a quenda a quen caia nelas por incluír situacións que deberían ser eliminadas, como o respecto aos roles de xénero tradicionais, a violencia estética, as manifestacións de celos ou os intentos de control sobre a muller.

Estas "caixas obstáculo" compleméntanse coas "caixas de avance", que recollen mostras de igualdade e axudan a avanzar aos participantes porque aluden a condutas de igualdade relacionadas coa corresponsabolidade ou a resolución pacífica de contidos.

As caixas anteriores combínanse con "tarxetas de debate", que recollen preguntas para provocar a reflexión sobre prácticas relacionadas co machismo (ou o micromachismo)