As lavandeiras eran mulleres que se dedicaban profesionalmente a lavar a roupa de familias ricas. O seu oficio permitíalles completar a economía familiar, pero era unha tarefa moi dura que se desenvolvía en condicións moitas veces desfavorables. Estas esforzadas mulleres traballaban á intemperie en inverno e en verán, sufrían os rigores climáticos e padecían moitas enfermidades relacionadas co seu labor: catarro, pneumonía, reuma...
A actividade de lavado requiría de varias etapas: a recollida da roupa e o transporte aos lavadoiros, o lavado, o secado e a devolución ás familias contratantes. Era un traballo moi esixente dende o punto de vista físico, porque estas pobres mulleres debían trasladar durante longas distancias e moitas veces sobre a cabeza, unha gran cantidade de roupa. Ademais tiñan que pasar moitas horas en pé lavando e tratando as pezas que posteriormente devolvían limpas e dobradas aos seus donos.
Na comarca de Ferrolterra, eran famosas as lavandeiras de Sillobre, que viaxaban de Sillobre ao peirao de Perlío con enormes lotes de roupa sobre a cabeza. Alí collían a lancha que as trasladaba a Ferrol, lugar onde as contrataban as familias ricas para que lavaran a roupa sucia de toda a semana e a devolveran limpa.
O noso alumnado de 4 PDC encargouse de desenvolver un traballo de investigación sobre o traballo das lavandeiras, cun resultado moi interesante.
Comezaron a tarefa coa lectura de A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto.
É este un libro-álbum que narra a historia dunha muller que se dedica a lavar a roupa dos presos políticos que vivían na illa de San Simón.
Tras unha breve análise sobre o contido do libro (traballaron sobre todo a situación política da España do momento), o alumnado centrouse en analizar a historia do oficio das lavandeiras.
Esta é unha mostra dos seus traballos:
A continuación, realizaron con dúas das súas profesoras un roteiro guiado por voluntarios sobre as Lavandeiras de Sillobre.
Foi esta unha actividade moi interesante para os nosos alumnos e alumnas, que puideron coñecer cal era o percorrido que facían as mulleres.
Visitaron diferentes lavadoiros e descubriron que, ademais de lugares de traballo, eran sitios onde as mulleres compartían noticias e confidencias.
Tamén aprenderon en que consistía ese duro traballo: o lavado, o clareo (exposición da roupa ao sol para conseguir eliminar manchas das prendas brancas), a bogada (ou proceso de fervedura da roupa con cinza e xabón para mellorar a hixiene)... E descubriron como se facía o xabón.
Co tempo, as mulleres organizáronse laboralmente e conseguiron os seus propios carnés de traballadoras.
Despois desta fantástica xornada, despedíronnos coa degustación dun rico biscoito.
Para finalizar o traballo, o alumnado gravou un podcast coas conclusións do seu traballo:
Podcast sobre as lavandeiras.