martes, 24 de junio de 2025

LECTURAS EN FEMININO

 Coma todos os anos, tamén durante o presente curso académico unha gran parte das nosas lecturas foron escritas ou protagonizadas por mulleres. Puidemos coñecer así coñecer a vida de mulleres fortes que souberon loitar contra unha vida de maltrato (como a nai da protagonista en As mulleres que cultivaban néboas ou Luz en Golpes de luz), de rapazas capaces de enfrontarse a un pasado escuro para afrontar un presente complicado (como Janis en Os elefantes de Sokurov), de rapazas valentes e ousadas que tratan de fuxir dos perigos das redes sociais (como Betty en Redes) ou de nenas que maduran a partir de experiencias traumáticas (como Scoutt en Matar a un ruiseñor). Pero tamén de mulleres reprimidas polas súas preferencias sexuais (como Rosa en Contrapaso. La vida de los otros) ou de mulleres resilientes que deben alternar o mundo laboral co labor de coidadoras (como Xulia, en Golpes de luz). 

Moitas desas lecturas fixéronse nos diferentes Clubs de Lectura:










viernes, 13 de junio de 2025

A MULLER E A AUGA: AS LAVANDEIRAS EN GALICIA

 As lavandeiras eran mulleres que se dedicaban profesionalmente a lavar a roupa de familias ricas. O seu oficio permitíalles completar a economía familiar, pero era unha tarefa moi dura que se desenvolvía en condicións moitas veces desfavorables. Estas esforzadas mulleres traballaban á intemperie en inverno e en verán, sufrían os rigores climáticos e padecían moitas enfermidades relacionadas co seu labor: catarro, pneumonía, reuma... 

  A actividade de lavado requiría de varias etapas: a recollida da roupa e o transporte aos lavadoiros, o lavado, o secado e a devolución ás familias contratantes. Era un traballo moi esixente dende o punto de vista físico, porque estas pobres mulleres debían trasladar durante longas distancias e moitas veces sobre a cabeza, unha gran cantidade de roupa. Ademais tiñan que pasar moitas horas en pé lavando e tratando as pezas que posteriormente devolvían limpas e dobradas aos seus donos.

  Na comarca de Ferrolterra, eran famosas as lavandeiras de Sillobre, que viaxaban de Sillobre ao peirao de Perlío con enormes lotes de roupa sobre a cabeza. Alí collían a lancha que as trasladaba a Ferrol, lugar onde as contrataban as familias ricas para que lavaran a roupa sucia de toda a semana e a devolveran limpa.

   O noso alumnado de 4 PDC encargouse de desenvolver un traballo de investigación sobre o traballo das lavandeiras, cun resultado moi interesante.

   Comezaron a tarefa coa lectura de A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto.

     É este un libro-álbum que narra a historia dunha muller que se dedica a lavar a roupa dos presos políticos que vivían na illa de San Simón.

Tras unha breve análise sobre o contido do libro (traballaron sobre todo a situación política da España do momento), o alumnado centrouse en analizar a historia do oficio das lavandeiras.

Esta é unha mostra dos seus traballos:

A continuación, realizaron con dúas das súas profesoras un roteiro guiado por voluntarios sobre as Lavandeiras de Sillobre.

Foi esta unha actividade moi interesante para os nosos alumnos e alumnas, que puideron coñecer cal era o percorrido que facían as mulleres.


Visitaron diferentes lavadoiros e descubriron que, ademais de lugares de traballo, eran sitios onde as mulleres compartían noticias e confidencias.



Tamén aprenderon en que consistía ese duro traballo: o lavado, o clareo (exposición da roupa ao sol para conseguir eliminar manchas das prendas brancas), a bogada (ou proceso de fervedura da roupa con cinza e xabón para mellorar a hixiene)... E descubriron como se facía o xabón.



Co tempo, as mulleres organizáronse laboralmente e conseguiron os seus propios carnés de traballadoras.




Despois desta fantástica xornada, despedíronnos coa degustación dun rico biscoito.



Para finalizar o traballo, o alumnado gravou un podcast coas conclusións do seu traballo: Podcast sobre as lavandeiras.


martes, 10 de junio de 2025

TEATRO CON G: DE CINE


 Durante o presente curso académico, o noso grupo de teatro escolar Os saturninos levou a escena De cine, un texto teatral resultado da colaboración entre a nosa alumna Ahata Zulinska e as profesoras encargadas de coordinar o proxecto. Esta obra, organizada en tres actos, presenta tres situacións diferentes cun fío común: a denuncia de diversas actitudes machistas típicas da nosa sociedade actual.

  No primeiro acto, Xurxo, un rapaz controlador e dominante, trata de impedir que a súa moza Eva prosiga a súa formación académica. Con continuas ameazas de romper a relación, Xurxo trata de coaccionar a unha Eva que nun primeiro momento parece indecisa.

 

  No segundo acto, Lidia, que vive baixo o férreo control do seu home Raúl, sofre un illamento forzoso que lle impide manter o contacto con familia e amigos. Raúl, mediante unha elaborada chantaxe psicolóxica, intenta manipular a Lidia provocando nela sentimentos de culpa inxustificados  para impedir que ela o abandone.


   O acto final mostra unha realidade común no mundo escolar: o acoso a través de redes dun rapaz cara a unha rapaza despois de ser abandonado por ela. 

Vídeo representación: De cine.

sábado, 31 de mayo de 2025

A MULLER E O MAR: MARISCADORAS E REDEIRAS


 A través dun traballo coordinado entre o alumnado de diferentes cursos, buscamos analizar o papel entre as mulleres e o mar en Galicia.

  De todos é ben sabido que nas comunidades mariñeiras as mulleres tiveron un papel transcendental, tanto en aspectos sociais como laborais. Debido á ausencia frecuente dos seus homes, víronse obrigadas en moitos casos a converterse en cabeza de familia, pero tamén traballaron arreo para completar a economía doméstica en labores relacionadas co mundo mariño: confección e arranxo de redes, venda de peixe, recolección de marisco ou, xa máis recentemente, emprego na industria conserveira.

  A existencia de vendedoras de peixe é coñecida na nosa comunidade dende a Idade Media. As mulleres das zonas costeiras agardaban tremendo durante horas a chegada dos barcos dos seus homes e, unha vez que estes atracaban, adentrábanse no mar para coller a carga e arrastrala ao peirao. Elas eran encargadas de distribuír no interior o peixe fresco que non se vendía inmediatamente no porto.

  O marisqueo tamén é unha tarefa coñecida dende a Idade Media. Durante esta época consumíanse preferentemente ostras, porque o resto de crustáceos e moluscos eran considerados "comida de pobres". Pouco a pouco os gustos foron mudando e o marisco empezou a ocupar un lugar central nas mesas dos ricos, pero a súa recolección a pé ou a bordo de pequenas embarcacións mantívose como tarefa case exclusivamente feminina. A profesión de mariscadora foi recoñecida oficialmente en 1993. 

  Por outra banda, confección e reparación de redes é unha tarefa familiar da que tamén se encargaban habitualmente as mulleres. Esta actividade combinábase coa venda de peixe, o marisqueo ou a salgadura. Habitualmente as redeiras estaban supervisadas por traballadores masculinos coñecidos como atadores.

  Aquí temos unha mostra dos traballos que presentaron sobre o tema os nosos alumnos de Antropoloxía.



  

jueves, 22 de mayo de 2025

AS MULLERES IMPORTANTES DA MIÑA VIDA

 Durante o presente curso académico, o alumnado de 4º de ESO desenvolveu unha breve (pero intensa) tarefa de investigación que tivo como finalidade a reivindicación de figuras femininas importantes no seu núcleo persoal e/ou familiar.

Para a nosa satisfacción, a maior parte dos nosos rapaces escolleron mulleres pertencentes ao seu núcleo familiar próximo (nais, avoas ou bisaboas) e destacaron nelas a súa infancia dura, o seu carácter loitador e, sobre todo, o seu espírito de superación ante as situacións adversas que lles presentou a vida. Son, ante todo, mulleres resilientes que deixaron unha fonda (e moi agarimosa) pegada entre os seus pequenos fillos, netos ou bisnetos.

Aquí temos unha pequena mostra dos traballos desenvoltos que falan de bisavoas:

De avoas:

E de nais:

miércoles, 30 de abril de 2025

A MULLER E O MAR: AS SEREAS NO FOLKLORE E NA MITOLOXÍA


 

O noso alumnado de 1º de ESO dedicou unha parte do curso a traballar o papel das sereas na mitoloxía e no folclore.

  As sereas son criaturas mariñas mitolóxicas que formaron unha parte importante tanto na mitoloxía clásica como nas lendas e o folclore de moitos pobos antigos. Para os gregos, as sereas eran seres con torso de muller e corpo de peixe que enmeigaban aos mariñeiros cos seus fermosos cantos para levalos á morte.

  Pero este tipo de seres fantásticos tivo un papel relevante na vida cultural de moitos pobos.

  É o que ocorre coas lamias ou arrainandereak na cultura vasca, que peitean os seus longos cabelos con peites de ouro e castigan a aqueles que ousan roubarllos coa morte ou coa aparición de grandes temporais no litoral.



  Entre os inuits existen as sednas, espíritos mariños creadores de todos os animais que viven no mar e abertamente hostís aos homes, que son castigados con temporais, mala caza e enfermidades cando actúan mal.



 Para os chineses, as jiaoren eran grandes tecedeiras coa capacidade de transformar as súas lágrimas en perlas. Así, cando unha destas sereas se namoraba, co seu pranto namorado derramaba perlas que acababan convertidas en luxosos tecidos que nunca se mollaban, nin sequera no fondo do mar. 



Os ningyos xaponeses, a diferenza das sereas occidentais, son seres aterradores que provocan graves desgrazas cando se achegan á costa... aínda que comer a súa carne pode traer consigo a inmortalidade.


Para finalizar, as yawkyawk australianas son fermosas criaturas con corpo de peixe e longa cabeleira verde. Habitualmente relacionadas coa creación de vida, provocan as chuvias que proporcionan auga para beber e facilitan o crecemento das plantas. Nalgún caso poden camiñar pola terra durante a noite e incluso poden desenvolver ás e voar como libélulas. 





sábado, 26 de abril de 2025

TEATRO EN FEMININO: LA CASA DE BERNARDA ALBA


A pesar de que tiñamos programada a representación de La casa de Bernarda Alba para celebrar o 8M, por razóns alleas á nosa vontade tivemos que pospoñela en varias ocasións.

 Por fin o 22 de abril, a nosa compañeira Esther representou co seu grupo de teatro o drama rural máis coñecido de Federíco García Lorca.

 Con esta obra quixemos achegar ao noso alumnado á situación da que viviron as mulleres a comezos do século XX a través temas tan controvertidos como a represión dos instintos, a loita pola liberdade e a hipocresía social.


  

Despois de contextualizar na aula a situación de represión social que vivían as mulleres españolas no ano 1936 (estrutura agraria e gran peso da relixión nunha sociedade patriarcal), un público entusiasmado puido comprobar como se enfrontaron as fillas de Bernarda Alba á situación que lles tocou vivir. Pasaron así da aceptación de Angustias á resignación de Amelia e Magdalena ata chegar ao rencor de Martirio e á rebelión aberta de Adela, que escolleu, mesmo a través da morte, a liberdade.