miércoles, 30 de abril de 2025

A MULLER E O MAR: AS SEREAS NO FOLKLORE E NA MITOLOXÍA


 

O noso alumnado de 1º de ESO dedicou unha parte do curso a traballar o papel das sereas na mitoloxía e no folclore.

  As sereas son criaturas mariñas mitolóxicas que formaron unha parte importante tanto na mitoloxía clásica como nas lendas e o folclore de moitos pobos antigos. Para os gregos, as sereas eran seres con torso de muller e corpo de peixe que enmeigaban aos mariñeiros cos seus fermosos cantos para levalos á morte.

  Pero este tipo de seres fantásticos tivo un papel relevante na vida cultural de moitos pobos.

  É o que ocorre coas lamias ou arrainandereak na cultura vasca, que peitean os seus longos cabelos con peites de ouro e castigan a aqueles que ousan roubarllos coa morte ou coa aparición de grandes temporais no litoral.



  Entre os inuits existen as sednas, espíritos mariños creadores de todos os animais que viven no mar e abertamente hostís aos homes, que son castigados con temporais, mala caza e enfermidades cando actúan mal.



 Para os chineses, as jiaoren eran grandes tecedeiras coa capacidade de transformar as súas lágrimas en perlas. Así, cando unha destas sereas se namoraba, co seu pranto namorado derramaba perlas que acababan convertidas en luxosos tecidos que nunca se mollaban, nin sequera no fondo do mar. 



Os ningyos xaponeses, a diferenza das sereas occidentais, son seres aterradores que provocan graves desgrazas cando se achegan á costa... aínda que comer a súa carne pode traer consigo a inmortalidade.


Para finalizar, as yawkyawk australianas son fermosas criaturas con corpo de peixe e longa cabeleira verde. Habitualmente relacionadas coa creación de vida, provocan as chuvias que proporcionan auga para beber e facilitan o crecemento das plantas. Nalgún caso poden camiñar pola terra durante a noite e incluso poden desenvolver ás e voar como libélulas. 





sábado, 26 de abril de 2025

TEATRO EN FEMININO: LA CASA DE BERNARDA ALBA


A pesar de que tiñamos programada a representación de La casa de Bernarda Alba para celebrar o 8M, por razóns alleas á nosa vontade tivemos que pospoñela en varias ocasións.

 Por fin o 22 de abril, a nosa compañeira Esther representou co seu grupo de teatro o drama rural máis coñecido de Federíco García Lorca.

 Con esta obra quixemos achegar ao noso alumnado á situación da que viviron as mulleres a comezos do século XX a través temas tan controvertidos como a represión dos instintos, a loita pola liberdade e a hipocresía social.


  

Despois de contextualizar na aula a situación de represión social que vivían as mulleres españolas no ano 1936 (estrutura agraria e gran peso da relixión nunha sociedade patriarcal), un público entusiasmado puido comprobar como se enfrontaron as fillas de Bernarda Alba á situación que lles tocou vivir. Pasaron así da aceptación de Angustias á resignación de Amelia e Magdalena ata chegar ao rencor de Martirio e á rebelión aberta de Adela, que escolleu, mesmo a través da morte, a liberdade.