A través dun traballo coordinado entre o alumnado de diferentes cursos, buscamos analizar o papel entre as mulleres e o mar en Galicia.
De todos é ben sabido que nas comunidades mariñeiras as mulleres tiveron un papel transcendental, tanto en aspectos sociais como laborais. Debido á ausencia frecuente dos seus homes, víronse obrigadas en moitos casos a converterse en cabeza de familia, pero tamén traballaron arreo para completar a economía doméstica en labores relacionadas co mundo mariño: confección e arranxo de redes, venda de peixe, recolección de marisco ou, xa máis recentemente, emprego na industria conserveira.
A existencia de vendedoras de peixe é coñecida na nosa comunidade dende a Idade Media. As mulleres das zonas costeiras agardaban tremendo durante horas a chegada dos barcos dos seus homes e, unha vez que estes atracaban, adentrábanse no mar para coller a carga e arrastrala ao peirao. Elas eran encargadas de distribuír no interior o peixe fresco que non se vendía inmediatamente no porto.
O marisqueo tamén é unha tarefa coñecida dende a Idade Media. Durante esta época consumíanse preferentemente ostras, porque o resto de crustáceos e moluscos eran considerados "comida de pobres". Pouco a pouco os gustos foron mudando e o marisco empezou a ocupar un lugar central nas mesas dos ricos, pero a súa recolección a pé ou a bordo de pequenas embarcacións mantívose como tarefa case exclusivamente feminina. A profesión de mariscadora foi recoñecida oficialmente en 1993.
Por outra banda, confección e reparación de redes é unha tarefa familiar da que tamén se encargaban habitualmente as mulleres. Esta actividade combinábase coa venda de peixe, o marisqueo ou a salgadura. Habitualmente as redeiras estaban supervisadas por traballadores masculinos coñecidos como atadores.
Aquí temos unha mostra dos traballos que presentaron sobre o tema os nosos alumnos de Antropoloxía.
