lunes, 24 de febrero de 2025

AS MULLERES EN FERROL: ROTEIRO FERROL EN FEMININO


 O noso alumnado de 1º de ESO realizou un roteiro sobre mulleres importantes relacionadas coa cidade de Ferrol. A través desta fantástica iniciativa, os nosos alumnos e alumnas puideron investigar a historia da nosa cidade a través da perspectiva de mulleres tan relevantes como Ángeles Alvariño, Sofía Casanova, Concepción Arenal ou Ángela Ruiz Robles. 


 

 Tamén recibiron información sobre figuras máis escuras, como Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart.


   Non esquecemos, tampouco, o labor de mulleres anónimas que desempregaron papeis importantes na sociedade do momento: augadoras, lavandeiras, cargadoras ou carboeiras.

Unha xornada moi interesante e aproveitada!!!


martes, 18 de febrero de 2025

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA: MULLERES CIENTÍFICAS

A visita de científicas converteuse nunha actividade de especial interese para o noso alumnado, que puido comprender de primeira man o reto que supón para unha muller adicarse ao mundo da ciencia e a tecnoloxía.


 
   Mediante charlas amenas, os nosos rapaces e rapazas asimilaron o feito de que menos dun 40% dos estudantes en carreiras STEM son mulleres. Cales son as causas desta situación? Probablemente a existencia larvada de estereotipos sociais, a escaseza de modelos femininos, a presenza de sesgos de xénero na contratación e as dificultades para conciliar vida laboral e vida familiar.
    A solución non parece sinxela, pero a educación ten que ser necesariamente o punto de partida para lograr a tan desexada igualdade.

sábado, 15 de febrero de 2025

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA


 Coa intención de reivindicar o papel das científicas ante a nosa comunidade educativa, as nosas compañeiras Julia e Rocío decidiron destinar o presente curso académico a dar visibilidade a mulleres que dedicaron a súa vida á Astronomía.

  A biblioteca encheuse con información sobre astrónomas pioneiras, como Hipatia de Alexandría, Fátima de Madrid , Caroline Herschel ou María Winckelmann.


   Pero tamén con información sobre astrónomas actuais, tanto españolas como estranxeiras, facendo un especial fincapé nas mulleres galegas que se dedican profesionalmente a este campo científico.

 

   Como colofón, Julia e Rocío ofrecéronlles aos nosos alumnos e alumnas unha explicación sobre o funcionamento do sistema solar a través dunha maqueta a escala creada ex profeso.